Thursday 02 de May de 2024

O Entroido de Ordes dará comezo o vindeiro 17 de febreiro


Tras a Tarde de entroidada terá lugar o Sábado de piñata, atracción central dun cartel que inclúe desfiles, concursos e importantes premios económicos

O Concello de Ordes acaba de dar a coñecer o seu programa de cara ás festas do Entroido 2015, as cales arrancarán o martes 17 de febreiro coa súa tradicional ‘Tarde de entroidada’. Unha cita pensada para os máis novos e novas e que se desenvolverá dende as 16.30 ata as 19.30 horas na Alameda de Ordes. No caso de que as condicións meteorolóxicas o impidan a actividade trasladarase ao pavillón Campomaior. Alí terán lugar todo tipo de obradoiros, como globoflexia, maquillaxe, máscaras, chapas, ademais de contar con divertidas animacións, xogos e baile.

De cara ao sábado 21 de febreiro está previsto o día grande desta celebración tan importante para o municipio co seu sábado de piñata. As rúas do pobo verán desfilar por elas os máis vistosos disfraces, comparsas e carrozas a partir das 17 horas. Unha vez chegados todos ao Campo da Feira dará comezo o concurso, cuxo prazo de inscrición finalizará o 16 de febreiro. Para iso pódese acudir de 9 a 14 horas ao departamento de Cultura ou Deporte, ou ben chamar por teléfono ao 981680002.

Os premios non serán acumulativos, sendo os de maior contía para as dúas mellores carrozas con 600 e 400 €. No caso das comparsas os premios serán de 400, 300 e 200 € para os adultos e de 225, 175 e 135 € na categoría infantil. Os participantes individuais optarán a premios de 170, 120 e 90 euros no caso dos adultos e de 100, 80 e 60 € para os nenos e nenas. O xurado tamén concederá un premio simpatía de 150 euros, outro de 200 euros á mellor comparsa do municipio e 1000 € en premios locais.

O xurado, composto por 3 membros designados polo alcalde, valorará na súa toma de decisións a orixinalidade dos disfraces, o esforzo do traballo realizado na súa confección e deseño, ademais da posta en escena, a cal non durará máis de 3 minutos.

Para consultar más amplamente as bases desta convocatoria, a cal está patrocinada por Reale seguros e Jaime Castro asesoría laboral, os interesados poden facelo a través da páxina web do Concello (www.ordes.gal).